Blogging tips

21 oct 2013

Para saber máis da autora do noso conto. Xohana Torres, unha pionera da literatura infantil en lingua galega

Como a filosofía deste proxecto é o achegamento da literatura infantil e a actividade de escoita de contos a toda a comunidade educativa, facendo fincapé na recuperación dos precursores e precursoras da literatura infantil en lingua galega, neste ano académico adicado á coeducación quixemos partir dunha escritora que desenvolveu un papel fundamental para facer visible a literatura infantil en Galicia e en galego. Se trata de Xohana Torres.
Primeiro e, ante a escaseza de literatura para nenos e nenas, foi traducindo os títulos que, por aquela época, tiña a editorial “La Galera”, que Galaxia editaría como a serie “A Chalupa”, tratando que “un potencial lectorado” tivera títulos de calidade en lingua galega. Máis tarde formaría parte do xurado do premio “O FACHO”, do que sairían títulos emblemáticos como “A Galiña azul”. Daquela, xa tiña Ediciós do Castro,editados algúns dos títulos máis destacados de Xosé Neira Vilas. Pero Xohana decatouse dun aspecto moi importante: Neses relatos, entre os anos 70 e 80 do século XX...onde estaban esas nenas heroínas e aventureiras que se enfrontaban e solucionaban elas soíñas as situacións?...Para que a muller tomara protagonismo nunha sociedade en cambio, facíase imprescindible que o imaxinario infantil se enchese de nenas activas, curiosas, emprendedoras.

Ilustración do conto: Susana Ed. Juventud

Con esta idea na súa mente escribe o conto: “Pericles e a balea” a primeira edición data do ano 1984. Partindo do mito de Penélope, Xohana Torres muda esta personaxe feminina en masculina, sendo o seu protagonista un churreiro, que en lugar de tecer fai churros, xa un pouco canso e sempre coa mirada posta no mar, na espera de que algo especial acontecerá e o sacará da súa rutina e o seu aburrido destino. Esta foi a apertura total das escritoras galegas, que puideron conseguir dar o protagonismo á figura feminina nas súas obras como suxeito activo, algo que xa intentaran no seu momento outras mulleres galegas, Pura e Dora Vázquez, noutros tempos máis complicados.
Mª Victoria Moreno, MªXosé Queizán, Palmira G. Boullosa, Agustín Fernández Paz, Marilar Alexandre...serán algúns dos nomes das nosas letras que continuarán esta estela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario