Blogging tips

18 ene 2016

Moitas letras por Lermos.gal


Dende o pasado día 12 o país conta cun novo medio de comunicación. Por se esta circunstancia xa non fose motivo de celebración dabondo de seu, dáse o caso de que ademais se trata dun novo medio en galego e centrado na cultura. Nomeadamente, nos libros. Nace Lermos.gal.
Alex Bayorti, Xosé Duncan e Martinho Terrafria están por tras dun proxecto que, din, trae consigo un "longo tempo de traballo" para poñer as bases dunha publicación "dedicada ao mundo das letras en lingua galega" que informe e divulgue. A súa intención é ofrecer non só recomendacións literarias ou "as últimas novidades editoriais", senón tamén informar "de xeito programado e ordenado" dos "acontecementos literarios máis sobranceiros".
Un espazo de entrevistas inaugurado con Antonio Manuel Fraga e polo que pasarán diversos "profesionais do mundo do libro e da lectura" e un apartado de recursos destinado a espallar "coñecementos relacionados co ámbito literario" son dous dos alicerces de Lermos. Xunto a estas grandes seccións a revista ofrece tamén unha actualizada axenda de eventos con datas de presentacións, premios ou feiras.
Lermos.gal combina a presentación de novidades editoriais con entrevistas e reportaxes sobre recursos do mundo literario
"Lermos.gal -din os seus impulsores- nace tamén cunha clara vocación cara ás redes sociais". A través dos seus perfís en Facebook ou Twitter, indican, "traballaremos pola difusión dos contidos literarios na nosa lingua", sempre co prisma dun proxecto "colaborativo e aberto".
Nos seus primeiros días de actividade Lermos.gal abordou obras como 'Teño uns pés perfectos', de María Solar, 'Derradeiro bis en catro-corenta', de Tomás González Ahola, ou 'Ons', de Carlos Meixide. No apartado de recursos a revista centrouse en explicar "onde van os cartos dun libro". Nos próximos días, entre outros contidos, prevén ofrecer entrevistas con Tomás Rivera e Alberto Pombo.

Fonte do artigo: 
http://praza.gal/cultura/10984/moitas-letras-por-lermosgal/

No hay comentarios:

Publicar un comentario