Blogging tips

26 oct 2019

E POR FÍN CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS!

O venres día 25 de outubro, todos e todas celebramos que temos unha biblioteca no colexio na que convivir, aprender, investigar...E GOZAR! E así foi como o pasamos xenial con Alberto Romero "Romer".

Deunos unha gran sorpresa cando apareceu co seu traxe de arqueólogo e contounos as súas andanzas para entrar nas covas co grupo de arqueoloxía "MAÚSO". Decatámonos de que hai que estar moi preparados e preparadas para realizar este traballo, pero tamén hai que ter o entusiasmo que desborda Alberto que, coma sempre, conectou moi ben con nós. Achegounos a súa experiencia, pero contada dun xeito que puidésemos comprender.
Tamén trouxo a Silvana, unha serpe moi lambona que gozaba bebendo o leite das vacas do Monte Aloia. Quixemos que este réptil tan "amistoso" quedara no noso cole así que, en cada clase, fixemos un trociño de serpe: uns pintamos, outros enrugamos papel...Quedou chulísima! Mirade!
Seguro que nos vai facer compaña nas nosas investigacións deste curso.

23 oct 2019

DE COVAS E SERPES.

As lendas forman parte do noso patrimonio e moitas son as que acompañan a...A persoaxe da historia que teremos a ocasión de coñecer o próximo venres!

Para ter máis pistas da protagonista, deixamos un par de refráns.
Anque non me piquen,/ eu hei de picar,/ como son filla do demo/ todos me han de matar.

Unha señora deitada nun prado,/ vestida de pano labrado;/ nin era pano, nin era seda,/ e, o que a ve, pasmado se queda.

A nosa serpe ten nome propio, chámase "Silvana" e a trae na cabeza e no corazón o noso primeiro padriño, Alberto Romero "Romer".

El xa é un amigo para o noso colexio, achégase por cuarta vez (cursos 2014/2015-2015/2016-2018-2019), coa xenerosidade que o caracteriza, para amosarnos os seus coñecementos e amor polo patrimonio, a natureza, o saber popular, os libros...Será unha xornada ben fermosa na que tamén falará da súa experiencia persoal á hora de meterse nunha cova, co gupo de arqueoloxía "MAÚSO".

Non o esquezades, temos unha cita este venres na biblioteca con Romer e Silvana.
Alberto Romero Rodríguez, coñedido co alcume de Romer, é un home sabedor e "facedor" de moitas cousas. É un escultor (talla madera e pedra), pintor, guía e recuperador dos muíños do río Tripes, escritor de dous libros "Dende o Monte Aloia" e "Aloianos". Tamén é músico e ten feito de actor amateur e guionista. Sobre todo é humilde e amigo da rapazada. Tedes unha boa oportunidade de coñecelo.
Aquí deixamos un vídeo da Asociación dos Muíños do río Tripes, na que podedes ver a faceta de divulgador e conservador do patrimonio do noso convidado.

20 oct 2019

SEMANA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES: BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA



O próximo 24 de outubro, os colexios do PLAMBE somos un "fervedoiro". Na Biblioteca Axexo tamén estamos a prepararnos. 

Teremos unha visita moi especial, recibiremos ao "NOSO PRIMEIRO PADRIÑO DE PROXECTO". 

Na nosa escola vai aparecer un "SER" moi especial do que aprenderemos moitas cousas relacionadas coa cultura, a tradición, o patrimonio e a evolución.

Ah! Que estades intrigados e intrigadas?...Pois teredes que esperar algúns días máis. Non esquezades mirar as "paredes da cova de saída ao patio". Alí haberá algunha pista!Sssssssssssss!

De momento, aquí deixamos o "espírito de biblioteca" que é a proposta deste ano académico:

"A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía". Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar. 
Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Nada disto é doado nin se consegue nun curso escolar. Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas. 

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta." 

RECOMENDACIÓNS PARA O ESTUDO DO PASADO DENDE A ÁREA DE CIENCIAS NATURAIS.

Ao estudar a HISTORIA e a ARQUEOLOXÍA, o alumnado vai realizando preguntas que teñen máis que ver co que aconteceu antes DA APARICIÓN DOS PRIMEIROS HOMÍNIDOS.

A orixe do UNIVERSO, como apareceu O PLANETA TERRA, as primeiras FORMAS DE VIDA, a evolución dos ANIMAIS...

En resumo: QUENES SOMOS, DE ONDE VIMOS E ONDE IREMOS A PARAR...

Isto aos máis pequenos lles encantará!
Para coñecer a evolución do ser humano, isto para máis grandiños!
Este curso, para traballar a evolución, teremos un compañeiro inseparable. Sabedes de quen se trata?...


PDI 2019/2020: A ARQUEOLOXÍA.

O tema que vai guiar as investigacións das aulas neste curso será o da ARQUEOLOXÍA. No blog do colexio, podedes ver con máis detalle como realizamos a selección do tema a finais do curso anterior.

Deixamos algúns enlaces que atopamos de interese e que poden servir de motivación para comezar a nosa andaina:

Vídeo 1 Explicación sobre o que é a historia e as ciencias implicadas na mesma.
Vídeo 2 Primeira etapa da historia: A PREHISTORIA.
Vídeo 3 Segunda etapa da historia: IDADE ANTIGA.

COMEZO DO CURSO 2019-2020

Todos os cursos escolares, co inicio da actividade na nosa biblioteca, teñen lugar as charlas de formación para os nenos e nenas que queren colaborar no funcionamento deste espazo tan importante para todos e todas.
Na primeira semana deste mes houbo xuntanza do alumnado de 4º, 5º e 6º de E.P. A organización correu a cargo da profe Isa, que foi explicando as responsabilidades que teñen que asumir os nenos e nenas que, voluntariamente, traballen cos libros.
Deixamos unhas imaxes destas sesións.